Caride anuncia que a autovía do Barbanza estará aberta para Nadal

    alcaldes_barbanza100.jpgSANTIAGO > A conselleira de Política Territorial, María Xosé Caride, anunciou que a autovía do Barbanza estará totalmente aberta ó tráfico antes de Nadal.

    alcaldes_barbanza300.jpgSANTIAGO > A conselleira de Política Territorial, María Xosé Caride, anunciou esta mañá que a autovía do Barbanza estará totalmente aberta ó tráfico antes de Nadal. Fíxoo nunha xuntanza mantida en Santiago cos alcaldes de Dodro, Rianxo, Boiro, Pobra do Caramiñal e Ribeira. Confírmase así por parte de Política territorial o adianto da posta en servizo desta infraestrutura, cuxo prazo contractual estaba fixado para finais de xaneiro de 2009.

    Os ususarios da autovía do Barbanza están de noraboa. Despois de moito tempo e de numerosos imprevistos, con peches de estrada e enlaces, e mesmo quilómetros de máis pola vella estrada AC-305, trazado alternativo mentres estivo cerrada o tráfico a autovía por mor das obras, vese a luz ó final do tunel. A boa nova foi anunciada pola propia conselleira de Política territorial, María Xosé Caride, nunha xuntanza mantida esta mañá no seu despacho en San Caetano e na que participaron o alcalde de Dodro, Arturo Díaz, da Pobra do Caramiñal, Isaac Maceiras, e de Ribeira, Xosé Luís Torres Colomer, así como tamén o tenente alcalde de Boiro, Xoán Xesús Ares.

    A titular de Política Territorial informoulles de que o ritmo das obras e as previsións de traballo fan posible esta apertura, aínda que matizou que os traballos continuarán a desenvolverse. A este respecto a Conselleira recalcou que a empresa concesionaria continuará cos traballos complementarios pertinentes co fin de solventar as incidencias puntuais de caracter local derivadas desta obra como poden ser camiños de servizo, mellora das drenaxes ou intervencións puntuais na AC-305. Aínda así estes traballos non terán ningún efecto sobre o tráfico rodado, que circulará con tódalas garantías de seguridade.

    Durante a xuntanza María Xosé Caride garantiulle ós representantes dos cinco concellos a reparación de tódalas pequenas incidencias que xurdiron como consecuencia da obra. Así os técnicos da Consellería e maila empresa concesionaria están a traballar na solución técnica máis axeitada para cada problema específico.

    Redacción Salnés