A Deputación instalará unha nova remesa de lombos en dez concellos de Arousa

O SALNÉS> A Deputación de Pontevedra vai instalar unha nova remesa de lombos pola provincia. O proxecto inclúe tamén unha ducia de concellos de Arousa, para os que se vai destinar unha partida de máis de medio millón de euros.

Cambados, A Illa, Meaño, Meis, Portas, Moraña, O Grove, Ribadumia, Sanxenxo e Vilanova terán máis redutores de velocidade. Así o decidiu a Deputación de Pontevedra. O ente provincial vén de anunciar a instalación de dous novos lotes de lombos, cun montante global que superar o millón de euros. No caso da zona norte da provincia, onde se inclúe os concellos de Arousa, o montante de investimento supera o medio millón de euros.

Dende a Deputación entenden que, nestes momentos, non existe ningunha outra alternativa para incrementa-la seguridade das vías. Nun almorzo informativo, o vicepresidente da Deputación salientou que o os elementos de calmado de tráfico repercuten na seguridade viaria. César Mosquera asegura que teñen outros beneficios adicionais.

O vicepresidente tamén se referiu á posible limitación a 90 das estradas secundarias de dobre sentido, unha demanda que leva anos enriba da mesa da DXT. Mosquera cre que a medida serviría para reduci-la sinistralidade.

As obras para a instalación de lombos comezarán no vindeiro mes de febreiro, de xeito escalonado.  Teñen un prazo de execución de nove meses.