‘Paporroibo’, unha experiencia de autoemprego que vende dende Cambados os mellores tés e infusións

CAMBADOS> Os mellores tés e infusións de todo o mundo teñen Cambados como punto de encontro. Dende alí opera ‘Paporroibo’, a aventura dun mozo emprendedor que decidiu apostar polo comercio on-line, con produtos de calidade e ecolóxicos. O seu proxecto foi agora recoñecido pola fundación Ronsel, quedando entre os finalistas dos premios MOCE. Nós quixemos compartir con el un té para que nos contase os detalles do seu negocio.

Ecolóxico, de alta calidade e procedente directamente do seu lugar de orixe. Así é o produto que ofrece Paporroibo, un proxecto de venda on-line de tés e infusións xestionado por un mozo emprendedor que ten en Cambados o seu centro de operacións. A empresa naceu de dúas das grandes paixóns do seu responsable: as infusións e a comida ecolóxica.

Iago ofrécese a prepararnos un té verde con mazá. Aproveita para contarnos que unha das claves de Paporroibo é a orixe do seu produto. Paporroibo participa en feiras e distribúe os seus tés e infusións a varias tendas. Con todo, a gran aposta da empresa é a venda directa ó consumidor a través da internet.

Co té verde xa case listo para tomar, preguntámoslle polos premios MOCE da Fundación Ronsel, que recoñecen as mellores ideas empresariais. Paporroibo non conseguiu levar ningún dos tres galardóns, pero quedou entre os dez finalistas de entre case un cento de proxectos. Sen dúbida, todo un logro.

Paporroibo segue agora traballando para seguir medrando. O seu obxectivo é da-lo salto a nivel europeo o ano que vén e e exportar os seus paquetiños de té a outros países do continente.