Isaac prepara moitos cambios para o partido ante o Tarbes

baloncesto250_191108.jpgVILAGARCÍA >Extrugasa prepara xa o encontro que mañá vai disputar ante o Tarbes francés, correspondente á quinta xornada da Eurocup. O adestrador do conxunto vilagarcián, Isaac Fernández, asegurou hoxe en rolda de prensa que aproveitará o partido para facer cambios no equipo. As xogadoras menos habituais desfrutarán de máis minutos.

{flowplayer}images/salnes/extrugasa_191108.flv{/flowplayer} 

Será un encontro de probaturas. Coa clasificación para a seguinte rolda da Eurocup prácticamente no peto, a sabendas de que o Tarbes é un rival difícilmente accesible e de que a loita este ano do Extrugasa está na Liga, xogadoras e técnico tómanse o partido case como un adestramento.

Iso non quere decir que mañá vexamos en Fontecarmoa un equipo descentrado ou pouco motivado. O que pretende Isaac Fernández é quitarlle presión ás súas xogadoras e poñer en liza a aquelas que desfrutaron de menos minutos no que vai de campaña para que collan confianza.

Entre os cambios que se prevén, que serán moitos, e coa ausencia da flamante fichaxe Mandisa Stevensson, que non ten ficha para xogar a Eurocup, Jaklin Zlatanova perfílase como a ala pívot titular. Deixará o posto de aleiro e xogará de catro, onde precisamente  asinou as súas mellores actuacións este ano. A súa aportación será importante para que o equipo levante o vóo nos vindeiros partidos, despois dun mal arranque que semella non preocupar no plantel nin no cadro técnico. Coinciden en afirmar que "hai marxe de mellora".

Unha victoria mañá do Extrugasa daríalle a clasificación matemática para os dezaseisavos de final. Non será sinxelo; enfronte terán ó líder do seu grupo, invicto, que dispón de xogadoras de gran nivel continental, tanto no xogo interior como no exterior, así o confirma o 10/17 en triples na ida.

Pese a todo, o Extrugasa, coa afección do seu lado, seguro que terá as súas opcións.

Redacción Salnés