A Deputación colabora coa organización do Congreso Mundial de Deporte Escolar

A CORUÑA> O presidente da Deputación, Diego Calvo, asinou un convenio de colaboración co director xeral da Asociación Cultural Sportis Formación Deportiva, Víctor Arufe Giráldez, para financiar a organización do IV Congreso Mundial de Deporte en Idade Escolar: Seminario Nacional de Escolas Deportivas, Educación Física e Psicomotricidade. Este evento, que se celebrará do 5 ao 7 de novembro na facultade de ciencias da Educación da Universidade da Coruña, pretende investigar e compartir novas técnicas sobre a ciencia do deporte, en especial, no ámbito da educación. Así, están invitados adestradores, técnicos e outro persoal relacionado cos clubs deportivos, así como profesores de educación física e outros profesionais deste mundo. A achega provincial é de 10.000 euros, o que supón o 80% do orzamento total necesario para facer fronte aos gastos de organización como viaxes, aloxamento e publicación de trípticos, entre outros. Está previsto que este congreso, con carácter mundial, reúna a máis de 400 profesionais e entre os conferenciantes estará a rusa Elena Komova, o brasileño Alex Branco e Rui Matos de Portugal. Ademais, durante as xornadas presentaranse ao público uns 50 traballos de investigación. Esta parte máis teórica, combinarase con talleres de diversas temáticas.