O PP acusa ó goberno dunha “pasividade inadmisible” ante os accidentes

    trafico_vilagarcia_100_191108.jpgVILAGARCÍA > O Partido Popular decidíu propoñer no concello a celebración dunha Xornada Técnica sobre seguridade viaria.

    O voceiro do Partido Popular de Vilagarcía, Tomás Fole, acusa ó goberno local de actuar con pasividade ante a escalada de atropelos e accidentes que se veñen producindo na vila. Segundo Fole, vai facer un mes dende que a alcaldesa, Dolores García, se comprometera a reunir ós colectivos implicados na seguridade viaria para tratar este problema. A día de hoxe esa xuntanza aínda non se producíu, e as solucións adoptadas ata o de agora, como a construcción de pasos elevados na avenida da Mariña, van con moito retraso.

    Para axilizar estas medidas, e que sexan efectivas, o Partido Popular propón ó bipartito a organización dunha Xornada Técnica sobre seguridade viaria. Segundo Fole, o Plan de Tráfico de Vilagarcía debería ter como referencia as opinións de profesionais e colectivos implicados nos problemas do tráfico. Só así se frearán as estatísticas de sinistros.

    Entre os convidados que propón o PP para este foro estarían un catedrático en seguridade viaria, o Fiscal Especial de Tráfico, a xefa da Policía Local de Vilagarcía, un experto en seguridade viaria local e representantes de organizacións de prevención de accidentes.

    Redacción Salnés