O SALNES/PONTEVEDRA> Nas comarcas da provincia de Pontevedra Herminia tamén se deixou notar con forza, pero sen incidencias graves. Árbores caídas, colectores do lixo envorcados, bolsas de auga e pequenos desprendementos foron a tónica habitual nas últimas horas. O que máis preocupa é a evolución dos ríos e, en especial, a situación do Umia ao seu paso por Caldas.
Caldas estivo hoxe en vilo ante a evolución do Umia ao seu paso pola vila. As fortes chuvias rexistradas dende a tarde deste pasado domingo tradúcense nunha importante acumulación de auga no encoro da Baxe. Xa onte foi preciso comezar a ‘laminar’ auga, co obxectivo de non abrir as súas comportas, o que provocaría enchentes na vila.
Esta mañá esta era a imaxe que captaban as cámaras de Canal Rías Baixas do leito do Umia ao seu paso polo centro urbano de Caldas.
E estoutra imaxe é da mesma hora e do mesmo río, do Umia, pero xa á altura de Ribadumia. Así espertaba hoxe a contorna de Cabanelas.
De novo, como acontece sempre ante fenómenos meteorolóxicos como o que nos afecta estes días, as instalacións do club de piragüismo están completamente anegadas.
O mesmo acontece nesta zona en multitude de terreos e viñedos, sen que haxa constancia de vivendas afectadas.
Outro lugar onde os efectos do temporal tamén son visibles é na Barosa, en Barro. A estampa que presentaba esta mañá daba para foto e para achegarse ata a beira das fervenzas a gozar desta fermosa imaxe.
O conto era ben distinto horas antes, cando a auga cubría absolutamente todo ao seu paso por este espazo natural, como podemos ver neste vídeo difundido polo concello.
Este episodio adverso, así as cousas, deixa numerosas incidencias nas comarcas do Salnés, Caldas e Pontevedra, pero de escasa consideración. O máis salientable, en Sanxenxo, onde caeu parte do muro do colexio Abrente.
Do reto, árbores caídas, colectores do lixo envorcados, bolsas de auga e pequenos desprendementos foron a tónica habitual nas últimas horas.
É o caso de Pontevedra, onde gravábamos escenas como estas que están a ver. Dende o concello indican que o peor do temporal rexistrouse este pasado domingo á tarde, momento no que se rexistraron o maior número de incidencias, aínda que a maioría leves.
A máis grave foi a caída de dúas bicicletas que estaban nunha terraza de Loureiro Crespo e que voaron co vento, caendo enriba dun coche. Tamén caeu sobre dous vehículos unha árbore no aparcadoiro do Montecelo.
No mar, entre tanto, situación tamén complicada. Así apertaba o vento e a ondaxe hoxe en Carril. Toda a costa galega mantense en alerta vermella ata este martes ao mediodía con ondas que están a superar os 8 metros.











