![]()
VILAGARCÍA > As protestas dos críticos de Trabanca Sardiñeira, en Vilagarcía, volveron a impedir a celebración da asemblea da comunidade de montes.
VILAGARCÍA > As protestas dos críticos de Trabanca Sardiñeira, en Vilagarcía, volveron a impedir a celebración da asemblea da comunidade de montes. Os gritos e apupos dos veciños contrarios ós proxectos que ten a entidade en marcha impediron celebrar a reunión na que se pretendían aprobar os novos estatutos da comunidade. Os representantes da directiva, con José Juan Rodríguez á cabeza, foron increpados cada vez que tomaban a palabra.
O primeiro conflito xa o tiveron nada máis chegar. A directiva indicou ós asistentes que a reunión só estaba aberta para as persoas que figuraban dadas de alta no censo da comunidade de montes. Nese listado non aparecían persoas que xa cubriran hai tempo a solicitude para estar dadas de alta. Pero a nova lexislación para as comunidades de montes establece que a alta faise efectiva só cando o aprobe a asemblea. Na reunión de onte non figuraba este punto xa que se limitaba só á aprobación de estatutos. Pese á crispación, a directiva puido ler o censo e invitar logo ós que non foron nomeados a retirarse da reunión. Pero logo xa non puideron co malestar dos opositores que acabaron rebentando a asemblea media hora despois do seu inicio.
Esta é a segunda ocasión, en que os críticos de Trabanca Sardiñeira interrompen a asemblea dos estatutos. Na primeira chegou a haber agresións, pero desta vez freounos a presenza de dous axentes da Policía Nacional de Vilagarcía. A orixe deste conflito é o proxecto de instalación dun centro hípico en terreo comunal. Algúns comuneiros aseguran que nos novos estatutos figura a posibilidade de que en caso de perdas os comuneiros terían que responder co seu patrimonio. O presidente insiste en que os veciños non terán que facerse cargo dos gastos porque iso só ocorrería nun proxecto con ánimo de lucro. Agora resta esperar a se á terceira vai a vencida. Polo de pronto, a directiva estuda reservar unha sala do Auditorio e reclamará de novo a presenza policial. Sobre os incidentes de onte, xa foron denunciados na Comisaría.
Redacción Salnés








