Tabuyo pide ós alcaldes do Salnés que aproveiten o Fondo contra a crise

    tabuyo100_041208.jpgSALNÉS > Os Concellos do Salnés dispoñen de 19 millóns e medio dentro do Fondo estatal contra a crise, mentres que os de Ulla – Umia …

    … contan con algo máis de 2,2 millóns de euros.

    O deputado socialista no Congreso Domingo Tabuyo considera que esta é unha grande oportunidade que non poden desaproveitar os alcaldes. Desde o mércores día 10 ata o 24 de xaneiro tódolos municipios de España poden presentar xa os seus proxectos e investir o diñeiro do Fondo de Investimento Local para o Emprego.

    A iniciativa deseñada polo Goberno central busca achegar liquidez ás arcas municipais para acometer obra pública. Os proxectos debe ser de competencia municipal, tales como rehabilitación e mellora de entornos e espazos públicos, promoción industrial, construción ou mellora de equipamentos sociais, sanitarios ou educativos, ou protección do medio ambiente, ademais de mellora da seguridade viaria e promoción do turismo, entre outros.

    O deputado do PSOE Domingo Tabuyo indica que a execución destes proxectos ha de ser inmediata, polo que repercute de forma directa na contratación de traballadores. A Administración central pagará o 70% do importe do proxecto cando este se adxudique, e o 10% restante ó finalizar a obra. Os concellos cobrarán rapidamente, e terán só 30 días naturais para pagar ós contratistas desde que se certifiquen os traballos. As tramitacións poden realizarse a través da web do Ministerio de Administracións Públicas.

    Redacción Salnés