O BNG ratifica as súas denuncias sobre o Centro de Día

    comision_centro_dia100_101208.jpgSANXENXO > O BNG de Sanxenxo deu a coñecer hoxe a súa valoración da reunión da comisión de coordinación e seguimento do Centro de Día.

    A edil nacionalista Sandra Fernández Agraso manifestou que a reunión deixou clara a falta de interese do goberno local do PP na coordinación e seguimento para velar polo bo funcionamento do centro.

    O BNG indica que na comisión do Centro de Día a alcaldesa se limitou a presentar unhas memorias con altas e baixas, a quen se lava no centro ou que usuarios van no transporte adaptado. A edil nacionalista Sandra Fernández afirma que preguntou na comisión polos problemas cos provedores e pola falta de provisións, e que a alcaldesa lle respondeu que iso era responsabilidade da empresa e non asunto para tratar na comisión.

    O BNG ratifícase en todo o denunciado, unha vez comprobados os feitos trasladados polas traballadoras, despois de manter unha xuntanza coa empresa concesionaria e, tanto pola negativa da alcaldesa a aclarar estes datos como polo informe da Intervención Xeral, no que se certifica que a día 12 de novembro o Concello debía 5 meses e medio á empresa.

    A concelleira do BNG manifestou que entende da delicadeza e o carácter confidencial dos datos que esta comisión debería manexar e recórdalle á Alcaldesa que esta comisión ten tamén como función supervisar a actividade xeral do Centro nos aspectos administrativos e a prestación do servizo.

    Redacción Salnés