A secretaria da Mancomunidade do Salnés convoca o pleno de constitución para o vindeiro luns

    O SALNES>  O luns que vén, Pleno de constitución da Mancomunidade do Salnés. Despois dun longo culebrón, é a secretaria do ente comarcal a que convoca a sesión, ante a negativa do Presidente en funcións de facelo. Fontes próximas a Gonzalo Durán indican que o alcalde vilanovés non recibiu aínda ningunha convocatoria oficial para esa sesión.

    A secretaria da Mancomunidade do Salnés move ficha e convoca, para o vindeiro luns ás 8 do serán, o pleno de constitución do organismo comarcal.

    Na orde do día, ademais da toma de posesión de tódolos membros da Xunta da Mancomunidade, inclúese a elección das persoas que ocuparán a presidencia e a vicepresidencia.

    A convocatoria, segundo se explica no propio documento, elabórase en base á aplicación dunha potestade regrada, prevista no artigo 8 dos Estatutos, que establece o prazo de constitución da Mancomunidade e que habilita á secretaria a realizar a notificación da convocatoria do Pleno cando o solicite a cuarta parte do número legal de membros  e previamente non se procedese á súa convocatoria por parte do Presidente.

    Pola súa banda, fontes próximas a Gonzalo Durán aseguran que o alcalde de Vilanova non recibiu aínda ningunha notificación para o pleno do luns, aínda que recoñecen a existencia dun informe que avalaría a capacidade da secretaria para facer esa convocatoria.

    Esta mañá, o aínda presidente en funcións daba un xiro na súa estratexia, propoñendo que a presidencia do organismo comarcal pase a ser, a partir de agora, rotatoria. Di que agora é tempo de consensos.

    Esta nova proposta chega pouco despois de que Durán fixese un chamamento ó PSdeG para sentar negociar. O chamamento ó diálogo pasou desapercibido entre as filas populares e foi rexeitado xa polos socialistas. Cren que é oportunista.

    Entre tanto, o tempo corre en contra da Mancomunidade. A conta xeral do ente debe aprobarse antes do 31 de decembro e, todo apunta, a que non vai ser así.

    a alcaldesa de meis, por certo, é un dos rostros socialistas que se perfila como posible presidenta para a Mancomunidade.

    DEIXAR UNHA RESPOSTA

    Por favor, engade un comentario!
    Por favor, engade o teu nome aquí