O BNG pide a dimisión da Conselleira de Infraestruturas por mentir sobre a situación do Umia

CALDAS> O BNG de Caldas pide a dimisión da Conselleira de Infraestruturas. Os nacionalistas acusan a Ethel Vázquez de mentir, despois de que esta insistira que nunca se detectou a presenza de toxina no encoro do Umia. Manuel Fariña presentou esta mañá analíticas do ano 2010 que demostran que si se detectara toxina no río, ao contrario do que defenderon os representantes da xunta na reunión co comité de criste de Caldas do mércores.

O BNG de Caldas non oculta o seu enfado coa Xunta de Galicia pola xestión que o goberno autonómico está a facer da problemática do río Umia. O encontro que mantiveron o pasado mércores o comité de crise do concello caldense, a Conselleira de Infraestruturas e a directora de Augas de Galicia, rematou por colmar o vaso.

Hoxe os nacionalistas presentaron aos medios analíticas que apuntan que no 2010 si que se rexistrou a presenza de toxina na auga do río. Por iso, reclaman a dimisión de Ethel Vázquez.

Fariña tamén se dirixiu ao presidente autonómico. O voceiro do BNG en Caldas criticou que Alberto Núñez Feijóo non atendera ningunha das solicitudes de reunión que presentou o comité de crise, e reclamoulle que se poña á fronte das xestións para solucionar a problemática do Umia.

No encontro, a directora de Augas de Galicia comprometeuse a colaborar co concello de Caldas na mellora do saneamento da parroquia de Paradivas, ademais de estudar posibles novas captacións de auga. Medidas que o BNG ve insuficientes para recuperar o Umia.