A Xunta activa o Plan de Continxencias por Contaminación Mariña ante o avance do vertido de plásticos

NOIA> O vertido de pellets de plástico continúa a estenderse pola costa galega. Tras inundar o litoral de Muros-Noia, xa se detectou a presenza destas bolas en praias da Costa da Morte e onte mesmo aparecía un saco na Illa de Arousa. A Xunta de Galicia decidiu activar o Plan CAMGAL para monitorizar a costa e reforzar os operativos de limpeza.

Ante a masiva chegada de bolas de plástico a máis puntos da costa galega, a Xunta de Galicia activou o Plan de Continxencias por Contaminación Mariña en nivel 1.

Ademais da activación deste Plan, a Xunta está a reforzar os operativos de limpeza con cuadrillas de Tragsa posto que o operativo dos concellos para a retirada dos residuos é limitado.

Ademais destas medidas, dende a Xunta piden ó goberno central, quen ten as competencias en materia de transporte marítimo, que estea vixiante e que se asegure de que a información que traslada a empresa é real para valorar a magnitude da carga perdida. En principio trataríase soamente dun contedor que contiña este material.