CAMBADOS> O Instituto Ramón Cabanillas de Cambados retrasa o inicio do curso escolar debido as obras que se están levando a cabo no centro. As reformas que tiñan que estar rematadas o pasado día 11 continuarán, polo menos, ao longo desta semana. Dende o centro aseguran que os primeiros alumnos volverán as aulas o xoves e se as obras o permiten, o resto incorporarase o venres.
O novo curso académico comezou pero non para tódolos institutos da contorna. O alumnado do IES Ramón Cabanillas de Cambados ve afectada a súa volta ás aulas debido ás reformas que se están levando a cabo no centro. As obras que comezaron hai un mes continuarán, polo menos, ao longo desta semana.
Polo de agora descoñécense os motivos polo cal as obras aínda non están rematadas. O certo é que o proxecto comezou con varios meses de retraso e dende o concello aseguran que traballaron coa máxima celeridade posible.
O instituto xa dispón de fiestras e as aulas dos pisos superiores están listas, queda pendente a fachada e a planta baixa, aínda así tamén se descoñece a data de finalización das obras.
Está previsto que o alumnado volva ao centro o mércores para facer diferentes actividades no patio do recinto. As clases comezarán o xoves pero de forma graduada, primeiro os alumnos da ESO e, se as reformas o permiten, o venres iniciarán o resto de estudantes.