O Executivo local investirá unha partida do Fondo Estatal en seguridade viaria

    vilagarcia_fondos_estatais_100_231208.jpgVILAGARCÍA > O concello recibirá 6,5 millóns de euros para obras básicas e fomento do emprego.

    A alcaldesa de Vilagarcía, Dolores García, e o edil de Urbanismo, Marcelino Abuín, presentaron esta mañá as actuacións nas que o Executivo local investirá a axuda económica que o Goberno estatal vén de adxudicar ós concellos. Dos seis millóns e medio de euros que lle corresponden ó concello de Vilagarcía, a maior partida, arredor de 1.800.000 euros, destinarase ó equipamento de centros deportivos e culturais. Esta cifra supón o 26 por cento do orzamento total, e empregarase para financiar a reforma do campo de Berdón e o seu entorno, así coma melloras nos centros culturais de Bamio ou Faxilde.

    A esta partida séguelle o acondicionamento do entorno rural e urbano, que inclúe unha reforma do casco histórico da cidade coa peonalización da rúa Rei Daviña. No apartado de infraestruturas, o concello estenderá a rede de saneamento a aquelas zonas do municipio que aínda non dispoñen deste servizo. Tamén se mellorarán viais e luminarias e ampliarán a todo o concello o proxecto de eliminación de verquidos, presentado hoxe para as zonas de Carril e Vilaxoán.

    O Executivo local inclúe na súa proposta unha partida específica para Seguridade Vial. Supón o dez por cento do orzamento total, uns seiscentos mil euros que se investirán na reforma da estrada de Rubiáns e Rosalía de Castro, ademais da colocación de medidas de seguridades noutros viais do entorno.

    Redacción Salnés