Unha primeira volta para esquencer, canto antes

baloncesto250_291208.jpgVILAGARCÍA > O Extrugasa está a atravesar por un momento moi complicado, eliminado da Eurocup e pechacancleas en Liga. Agárdase que coas novas incorporacións se remonte a situación na segunda volta e poidan salvar a categoría, o único obxectivo a estas alturas.

Primeira volta para esquencer e ademais canto antes. O parón de Nadal ten que servirlle ó Extrugasa para facer borrón e conta nova e para comezar a pensar na salvación, en gañar cinco partidos dos trece que quedan, que presumiblemente lle poderían servir para eludi-lo descenso.

Todo veu dado por unha mala xestión nas fichaxes, propiciada eso sí, pola falta de apoios económicos do club, que lle obrigaron a reducir o seu presuposto e a ter que deixar marchar á súa columna vertebral: Kiesha Brown, Agne Ciudariene e Marina Kress.

Chegaron no seu lugar catro xogadoras, das que tan só Jaklin Zlatanova resultou non ser un fiasco. Alexis, veu co cartel de pivot dominante pero ó chegar medía sete centímetros menos do que esperaban (non 1,95, senón 1,88). A rusa Sholokova non se adaptou ou non se quixo adaptar e Tamera Young, pese ás súas boas cualidades físicas, deixou entrever os grandes defectos que se lle soen achacar ás nortemaericanas, era completamente anárquica e non aportaba nada en defensa.

Houbo que reconstruir o plantel. Aina Denti, tampouco foi unha solución. Mandisa Stevensson deulle maior calidade ó xogo interior, pero o seu contrato expirou a pasada semana.

A contratación hai un mes de Taru Tuukannen semella o primeiro gran acerto do ano, esperemos que non chegara demasiado tarde. Outra mala nova é que a finlandesa perderase as dúas primeiras xornadas da segunda volta por ter que estar coa súa selección no Preeuropeo.

Ademais, destes contratempos, houbo lesións, a última a de Sara Gómez, e cansancio orixinado polos partidos de Eurocup. Xa están fóra da competición, apeadas polo Ibiza PDV, un alivio porque o importante está na Liga.

No seo do club a moral está intacta. Ademais estase a traballar na incorporación dunha nova xogadora, exterior, con capacidade anotadora e de liderazgo. Está a sonar nas últimas semanas Kiesha Brown, que podería voltar ó equipo tralo seu paso polo baloncesto israelí, aínda que o factor económico será de novo a maior traba.

Se chega o reforzo, de Brown ou dunha xogadora similar, o futuro poderíase mirar con maior optimismo.

Redacción Salnés