Kourtney Brown, gran ameaza do sorprendente Cáceres

VILAGARCÍA> Derradeiro partido do ano para o Thetrend Cortegada que recibe o sabado á revelación da liga, o Femenino Cáceres. As vilagarciáns queren irse de vacacións entre o grupo de cabeza. Por iso esperan superar a un equipo no que destaca Kourtney Brown, a mellor xogadora da competición.

A gran revelación da liga visita Fontecarmoa. Segundo na táboa o Femenino Cáceres tan só perdeu un dos oito partidos que leva disputados. Só sucumbíu na cancha do Bembibre.

Un conxunto no que a gran maioría das xogadoras roldan os 22-23 anos de idade, precisamente os que ten a súa gran estrela, Kourtney Brown, que en febreiro fará 24. É a verdadeira sensación da competición. A aleiro norteamericana lidera o ranking de anotación e é segunda no de rebotes. Un total de 24 puntos e 11 capturas por encontro que lle fan ser de lonxe a mellor valorada da liga. De feito fixo uns incribles 51 de valoración na quinta xornada ligueira ante o actual líder, o Ensino, que a encumbraron definitivamente.

Xunto a ela destacan outras dúas extranxeiras, a base dominicana Yohanna Morton e outra nortemaericana como Teshymia Tillman, fundamental tamén na aportación reboteadora e anotadora das cacereñas. A xoven aleiro catalana Roso Buch, moi importante tamén no equipo, e a pivot vasca Alejandra De La Fuente completan o cinco inicial.

Coa tremenda carta de presentación coa que chega este Cáceres as cousas non serán nada sinxelas para un Cortegada que vive un momento doce. As de Pepe Vázquez situáronse cuartas na táboa e deixan cada vez mellores sensacións sobre a pista. As xogadoras interiores foron medrando co paso dos encontros e baixo o liderazgo de Montse Gilabert e Ylenia Manzanares o equipo atópase a gusto. Será moi importante o nivel que poida dar Ernie Williams, a priori a encargada de medirse con Kourtney Brown.

Agárdase un encontro aberto e rápido, de feito se ben o Cáceres é o conxunto que máis anota da liga, tamén é o que máis puntos recibe, exceptuando os últimos catro clasificados do grupo. O partido dará comezo ás 19:00 no pavillón de Fontecarmoa.

Redacción Salnés