Obxectivo de todos: comezar o ano cunha victoria

futbol250_020109.jpgSALNÉS > Tralo parón de Nadal, volve o futbol en Terceira División, cun partido adiantado á xornada do sábado, o que disputará o Arousa no difícil campo do Cerceda. O resto de encontros quedarán para o domingo incluidos os de Portonovo, Céltiga e Vilalonga.

Cerceda e Arousa inauguran mañá o ano futbolístico no que será o único partido da Terceira División adiantado á xornada sabatina. Os de Laxes visitan un campo moi complicado a día de hoxe.

Tralo mal inicio, o cadro coruñés pasa agora por ser o conxunto máis en forma do grupo, con 15 puntos acadados dos últimos 18 en disputa, e ademais deixando unha imaxe de equipo sen fisuras. Os recursos deste conxunto en ataque son abundantes, con Felipe e Xaco como grandes referencias.

O Arousa pola súa banda chega nun momento completamente diferente; mermado polas baixas, sen reforzos de inverno, coa moral nun estado non demasiado bo pola mala xeira de resultados e coa intranquilidade de non ter cobrado os últimos meses. Por todo iso, unha victoria do Arousa no Roxo case poderíase catalogar como de sorpresa.

De non sacar algo positivo, poderíase ver metido nos postos de descenso, dependendo do que fagan Somozas e Coruxo, que suman os dous os mesmos puntos que o Arousa e xogan entre eles. Ademais, outros dous partidos dos que estará moi pendente o Arousa, será dos de Céltiga e Portonovo, que xogan ante os dous equipos que pechan a xeral.

Os de Baltar reciben a un Pontevedra B que se está a recuperar na últimas semanas. Fixo un bo partido no Salvador Otero e gañou a semana pasada ó dificil Santa Comba na Xunqueira, polo que non será nada doado para os de Milucho, que tampouco se poden despistar se non se queren ver de novo abaixo.

O Céltiga recibe ó Rápido de Bouzas, conxunto o vigués que ven de trocar de adestrador. Trala destitución de Felín, Pablo Díaz fíxose coas rendas do equipo, un técnico con traxectoria nesta categoría e ó que lle gusta xogar directo, vertical e con balóns diagonais.

Josiño Abalde quere que o encontro do Gran Peña marque un antes e un despois e que o equipo reaccione e solucione canto antes os problemas de cara o gol. Albert continúa lesionado, Cardeñosa non estará por sanción, mentres que Nacho é dúbida no centro do campo á espera do último adestramento de hoxe.

Por último o Vilalonga buscará os tres puntos no José Argiz ante o Verín, sen Luismi que continúa con rotura de fibras, nin Pablo Puime, cunha escordadura no seu nocello. Os de Gabi Leis precisan a victoria para non verse preto da zona perigosa ante un rival que presume dun futbol moi físico, con gran poder nos balóns aéreos.

Ademais, na Preferente Autonómica o Sanxenxo recibe ó lider Cultural Areas, o Unión do Grove xoga en Salvaterra e o Ribadumia en Redondela ante o Choco.

Redacción Salnés