RIBEIRA> Onte domingo disputábase en Ribeira unha nova edición da Carreira pola Diversidade, que organiza cada ano a Asociación de Persoas con Diversidade Funcional, Ambar
A cita deportiva reuniu este ano a preto duns 300 participantes, sumando tódalas categorías en competición, incluíndo a andaina.
O punto neurálxico da proba volveu a ser un ano máis a explanada de Coroso.
Dende alí realizáronse as saídas das distintas carreiras, dende os máis pequenos ós adultos, pasando tamén pola modalidade inclusiva.
Non faltou á cita a presidenta da entidade, Milagros Rey, que presidiu o acto de entrega de premios, xunto co resto de autoridades, entre os que se atopaba tamén o novo alcalde, Luís Pérez Barral, e representantes das distintas empresas e casas comerciais colaboradoras.
A cita, ademais do carácter deportivo, ten tamén unha finalidade solidaria. Este ano a entidade logrou reunir uns nove mil euros que serán destinados á renovación e nova adquisición do material deportivo do ximnasio no Centro de Recursos de Frións.
Dende Ambar quixeron agradecer a tódolos participantes a súa colaboración, así como tamén ás distintas empresas e casas comerciais, que coas súas achegas, fan posible que a carreira poida seguir desenvolvéndose.
Un agradecemento que fan extensivo tamén ás persoas voluntarias que traballaron na organización da carreira para que todo estivese a punto e non faltase nin o máis mínimo detalle.











