O Arousa buscará recuperarse gañando ó líder

futbol250_090109.jpgSALNÉS > Un dos partidos máis interesantes da fin de semana será sen dúbida o duelo entre Arousa e Compostela. O líder visita Vilagarcía sen saber aínda o que é perder este ano. Os vilagarciáns, en plena crise, intentarán dar a sorpresa.

Chega un dos partidos máis bonitos de ver de toda a temporada. Un bo campo como o da Lomba congrega a dous históricos do fútbol galego como o son o Arousa e o Compostela.

Prevese unha moi boa entrada, polo tirón que un encontro así terá en Vilagarcía e sobre todo polos centos de afeccionados que despraza sempre o conxunto branquiazul a tódolos campos. O Arousa fará de seguro, a mellor caixa da temporada.

Hai que remontarse 22 anos atrás para ver o último enfrontamento entre ambos equipos na Lomba, que se saldou cun 0-1. Dos trece partidos que disputaron nas diferentes categorías, os vilagarciáns so gañaron tres; o domingo podería ser o cuarto.

Para conseguilo Laxes non poderá contar aínda con Valiñas, ten as dúbidas de Nelo e Chiño mentres que Roberto tampouco estará por unha escordadura nun dos seus xeonllos.

Pero o que máis lle importa ó plantel é sacar os tres puntos que se lle resisten dende hai maís de dous meses: 2 puntos dos 24 últimos en disputa que os deixa en descenso. O problema, que o Compos chega cun auténtico equipazo, invicto, aínda que coa baixa do seu mellor xogador, o charrúa Petter Rocha.

O resto de encontros non serán menos interesantes.

A táboa se está a partir en dous polo que comeza a dilucidarse os equipos que loitarán por estar arriba ou pasarán un final de temporada tranquilo, e os que loitarán por non descender.

No medio, agora mesmo está o Vilalonga, que por suposto quere non meterse en problemas. Recibe a un rival da zona baixa como o Ordes en San Pedro coas baixas de Iago, sancionado, e Diego Blanco, por problemas musculares. Co capitán Quito xa ó cen por cen no eixo da zaga e con Luismi a piques de remata-lo seu período de recuperación, xa podería entrar esta semana na convocatortia, os de Gabi Leis non poden deixar escapar máis puntos. Os celestes están a facer bos encontros pero cústalles sumar de tres en tres. A ver se o poden facer o domingo.

Un encontro similar ten o Céltiga que visita o Vao, campo do Coruxo. Similar porque o seu rival tamén é dos da zona baixa aínda que os de Josiño Abalde recuperaron certo crédito despois da victoria da semana pasada, que os volve a meter no grupo dianteiro. O técnico vigués non poderá contar para este encontro con Albert, que continúa lesionado, e mantén as dúbidas no centro do campo de Nacho, con problemas musculares e Cardeñosa, con gripe. O Coruxo, chamado a comezo de temporada a estar loitando polo ascenso, sairá co coitelo entre os dentes.

Por último, partido interesantísimo entre Gran Peña e Portonovo en Barreiro. Dous equipos que loitan pola permanencia e que agora mesmo suman os mesmos puntos, 19. Ambos saben da importancia que un triunfo tería sobre un rival directo no aspecto anímico. Os de Milucho queren prolongrar a súa xeira de seis partidos sen perder eso sí, nun campo no que nunca foron quen de vencer.

Redacción Salnés