BNG e PP discrepan sobre os proxectos do Fondo de Investimentos Locais

    pleno_ribadumia100_120109.jpgRIBADUMIA > O BNG de Ribadumia reclama ó goberno municipal o consenso da corporación para decidir os proxectos a presentar …

    … para o Fondo de Investimentos Locais do Estado.

    A este concello correspóndenlle máis de 824 mil euros. O nacionalista Ramón Mouriño pide á alcaldesa que convoque a xunta de voceiros, comisión de obras ou pleno extraordinario para debater o destino deste diñeiro. O BNG adiantou xa as súas propostas, nas que inclúe o acondicionamento e ampliación das dependencias que usa a Banda Municipal e o almacén do concello. Propón tamén o arranco dun local e a creación do servizo de Policía Local, o acondicionamento de parcelas municipais do polígono, o saneamento pendente en Lois, Sisán e Leiro, e o arranxo dunha pista entre Sucasa e Pardiñas.

    Pola súa banda, Salomé Peña critica a Mouriño por facer estas propostas cun mes de atraso. A rexedora afirma que solicitarán fondos do Estado para ampliar a gardería, instalar saneamento e abastecemento de auga e crear o centro de acollida de persoas maiores. Proxectos que, indica, xa encargou nos primeiros días de concederse as axudas. En canto ás propostas do BNG, Peña di que a creación da policía local non se contempla nos requisitos do Estado. Lembra tamén que a Banda xa ten un baixo acondicionado e que o almacén non é unha das prioridades agora. O goberno local tampouco é partidario de acondicionar as parcelas baleiras do polígono porque son privadas.

    En canto ó centro de día, o BNG recomenda ó Concello que non o inclúa nos Fondos, xa que o pode financiar a Xunta sen custe algún para as arcas municipais, a través do Consorcio Galego de Benestar. A alcaldesa responde que por que vai confiar nunha administración que leva catro anos sen colaborar con Ribadumia.

    Redacción Salnés