Viajes InterRías e Grupo Junquera suman unha nova vitoria

interrias250_130109.jpgSALNÉS > O Viajes InterRías Sanxenxo continúa coa súa racha de vitorias aínda que nos minutos finais a piques estivo de empatarlle O Esteo. O sábado xogou en Baltar e gañou por 5-4. O Grupo Junquera tamén gañou, 4-7, na pista do Fisterra.

Nova vitoria do Viajes InterRías Sanxenxo. O sábado recibiu en Baltar ó Esteo ó que derrotou por 5 goles a 4. O encontro comezou cos visitantes metidos no seu campo e saíndo só á contra, iso si, cada vez que o facía levaba perigo. Pola súa banda, o Viajes InterRías dispoñía da posesión do balón e intentaba atravesar a cerrada defensa do Esteo pero non lograba crear perigo. O marcador non se inaugurou ata mediada a primeira metade. Un tiro de Bruno Ribeiro, o mellor do encontro, foi desviado por Pibe transformando o gol. O Esteo logrou empatar cinco minutos máis tarde nunha contra. Pouco antes do descanso, o arxentino Chelito poñía por diante ós locais.

Na segunda metade, o InterRías saíu con máis ambición e chegaron os tantos de Chelito e Bruno Ribeiro. Pero a catro minutos do final relaxáronse e o Esteo colocouse a un gol e a piques estivo de empatar. A vitoria permítelle ós de Sanxenxo seguir liderando a clasificación do seu grupo en Primera Nacional B Grupo 8 de Fútbol Sala.

Tamén gañou o Grupo Junquera de Vilagarcía. O sábado xogou en Fisterra onde ofreceu un novo espectáculo deportivo. O rival plantoulles cara en todo momento, pero ó final tivéronse que render ante a maior calidade dos xogadores que dirixe Juancar. Os vilagarciáns dominaron e controlaron o partido ata o final, salvo en tres minutos, do 22 ó 25, cando encaixaron tres tantos dos locais que permitiron igualar o marcador. Pero novamente se puxeron as pilas e lograron incrementar a súa renda ata o resultado final de 4 a 7.

Para o equipo arousán marcaron Fran con 3 tantos, Oscarín, con 2 e Sesar con outros 2. Con este resultado o Grupo Junquera colócase cuarto na táboa.

Redacción Salnés