Vitoria para o Rasoeiro e derrota para o Agnusdei na fase de salvación

rasoeiro250_130109.jpgSALNÉS > Tralo parón de Nadal, os equipos do Salnés volveron á competición para disputar a Fase de Permanencia en Primeira Autonómica. O Rasoeiro xogou na casa onde gañou polos pelos ó Tirso Molina de Ferrol. O Agnusdei debutou cunha derrota ante o Guardés tamén pola mínima.

O Rasoeiro impúxose ó Tirso Molina o sábado en Monte da Vila no primeiro partido da Liga pola salvación en Primeira Autonómica. Pese a todo, os grovenses ofreceron dúas caras ante o equipo ferrolán. Na primeira parte, o Rasoeiro foi bastante superior, cunha defensa intensa coa que puido correr ó contragolpe e facer ataques rápidos e moitas transicións. Así foise ó descanso cunha cómoda vantaxe de cinco tantos (17-12).

Pero na segunda, foi o Tirso quen marcou o ritmo do xogo. Así, os locais diminuíron a defensa y perderon numerosos balóns en ataque, o que permitiu ós ferroláns acurtar distancias no marcador. O porteiro Solla foi sen dúbida o máis destacado do partido. A súa actuación permitiulle ós locais estrear a fase de permanencia cunha vitoria, iso si, axustada, 30 a 29. A vindeira xornada o Rasoeiro medirase ó Poio.

Non lle foi tan ben ó Albariño Agnusdei de Meaño, que debutou nesta fase pola permanencia cunha derrota ante o Guardés pola mínima. 23 a 22. Foi un partido moi igualado de principio a fin onde se impuxeron as defensas e os porteiros sobre os ataques. Houbo dúas accións determinantes. A primeira produciuse a falta dun minuto para o descanso coa descualificación de Alejandro Touza tras revolverse ante unha dura acción da defensa local, que en todo momento o estivo castigando cada vez que intentaba lanzar. A outra, xa co tempo cumprido, empate a 22 e golpe franco para o Guardés, foi a decisión dos colexiados de conceder tres segundos de posesión ós locais, tempo no que conseguiron o triunfo. O próximo rival dos meañeses será o Camariñas.

Redacción Salnés