O Portonovo preséntase co obxectivo de acadar o ascenso

portonovo250_230709.jpgSANXENXO> O Portonovo volveu ós adestramentos ás ordes do novo técnico José María Rial. Hai moitas caras novas en Baltar, onde se agarda conseguir o ascenso á Tercveira División.

Aínda non está pechado de todo, pero este podería ser o plantel co que o Portonovo intente volver este ano á categoría que lle corresponde, a Terceira División. O ascenso é o único obxectivo.

Para iso se quedaron ata sete xogadores dos que conformaron o equipo que descendeu. Alfonso, César, Andro, Fiti, Úbeda, Nacho e Turu; todos eles decidiron quedarse ó crer que teñen unha conta pendente con este club.

As baixas son moitas e importantes. Dos pesos pesados do ano pasado poucos quedan: case media ducia marchou cara Vilalonga; Marcos decantouse pola Illa. Os Baptiste, Curiel ou Álex tampouco renovaron.

Iso non significa que o equipo non teña calidade como para pelexar cos de arriba nunha Preferente Sur que se antolla apaixoante, pola cantidade de equipos que optan a subir.

José María Rial, tras dous anos no Cruceiro de Hío, cambiou o Morrazo polo Salnés, para dirixir o proxecto dende o banquiño. A directiva do conxunto arlequinado fixouse para fichar na súa categoría: Miguel Solla, Pablo Pérez, Diego Cebreiro, Jesús e Ero, actuaron a temporada pasada na preferente. Os únicos que proceden da Terceira son Jorge Segura, do Pontevedra B, e un veterano, Jorge Comesaña, procedente do Coruxo e que asumirá os mandos no mediocampo.

Os portonoveses iniciarán esta pretemporada, no que a amistosos se refire, o vindeiro martes, en Noalla, contra o Pontevedra B. Para os que quedan da temporada pasada será unha ocasión de quitarse unha espiña que teñen cravada dende o mes de maio; ante o filial granate consumouse o seu descenso.

Redacción Salnés