Alarma social na galescola pola morte dun bebé por meninxite

    BOIRO> Tanto as autoridades locais como os responsables de Sanidade confirmaron que a situación está baixo control.

    A morte dun bebé por meninxite está a levantar unha certa alarma social en Boiro, fundamentalmente na galescola onde estaba matriculado, ante a posible existencia dun brote desta enfermidade. Dende o concello faise un chamamento á tranquilidade asegurando que todo está baixo control. Así, segundo sinalou o propio alcalde, Xosé Deira, nada máis terse coñecemento da triste nova, informouse da situación a tódolos pais con nenos na gardería, coa finalidade de que os levasen ó centro de saúde do Saltiño coma medida preventiva.

    Mensaxe de tranquilidade

    O rexedor quixo mandar ademais unha mensaxe de tranquilidade ós pais, xa que dende un primeiro momento se estiveron tomando as medidas oportunas, poñendo en coñecemento do problema ás autoridades sanitarias que mesmo esta mañá se desprazaron a Boiro para interesarse polo caso e realiza-las probas pertinentes. Polo de agora non se detectaron novas afeccións e esta mañá a galescola continuaba funcionando con total normalidade. Aínda así houbo moitos pais que decidiron non enviar hoxe ós seus fillos á gardería.

    Redacción Barbanza