Alumnos do IES Coroso recuperan a tradición das regueifas

    obradoiroregueifas_100_160209.jpgRIBEIRA> O equipo de Normalización Lingüística do centro organizou un obradoiro de improvisación destas coplas populares galegas.

    Durante séculos, as regueifas formaron parte da cultura galega como unha forma de improvisación creativa para animar as reunións sociais. Moitos anos teñen transcorrido dende aquela, cando as regueifas servían para decidir quen repartía o postre durante as vodas. Agora, aínda que seguen a formar parte da nosa tradición, as regueifas están en desuso en moitas comarcas galegas.

    Os alumnos de terceiro da ESO coñeceron un pouco máis a fondo as raíces desta tradición a cargo dun obradoiro da man dos regueifeiros Pinto de Herbón e Luís Caruncho, co obxectivo de dar a coñecer esta arte tan creativa que contribúen á difusión e uso da lingua galega.

    Tradición e sentido do humor

    Durante a xornada desenvolvida no instituto de Coroso, os alumnos gozaron dunha exhibición a cargo destes dous mestres da palabra na que, sobre todo, primou o sentido do humor.

    {flowplayer}barbanza/obradoiroregueifas.flv{/flowplayer}

    Houbo tamén tempo para a teoría, para explicar de onde proceden esta sorte de coplas populares, e a súa tradición tamén noutras comunidades e países. A experiencia foi moi positiva, tanto para os alumnos como para os propios regueifeiros, que tiveron ocasión de comprobar como esta forma de expresión segue viva entre a mocidade.

    Ó remate do obradoiro, os propios alumnos tiveron oportunidade de regueifar as súas propias creacións, algúns con máis éxito ca outros.

    Redacción Barbanza