Piden explicacións ó goberno local pola parálise do proxecto de centro de día

RIANXO> Un grupo de veciños, integrantes da Plataforma Pro-centro de Día de Rianxo, concentráronse onte pola noite ás portas da casa consistorial.

As últimas declaracións da consellería de Política Social, Fabiola García, nas que culpaba ó alcalde de Rianxo de ser el o responsable da paralización do proxecto de centro de día para a localidade foi unha das razóns que levou ós integrantes da Plataforma a concentrarse diante do Concello.

Querían así mostrar o seu malestar e pedir explicacións ó goberno municipal pola tardanza na realización deste proxecto,  que levan reclamando dende anos.

A negativa do alcalde, Adolfo Muíños, a autorizarlles a asistencia ó pleno, debido á actual normativa covid, tampouco calmou os ánimos dos veciños. O rexedor trasladoulles a posibilidade de que unha representación participase na sesión na quenda de rogos e preguntas, pero finalmente non chegaron a intervir. Iso si. O seu malestar quedou patente.

O rexedor volveu a reafirmarse na xestión realizada ata o de agora dende o Concello para a consecución do centro de día. Ademais negou taxativamente que houbese abandono algún do proxecto.

Ademais insistiu que leva dende outubro pasado intentando sen éxito, reunirse coa Conselleira para abordar este asunto, con ata tres solicitudes por escrito de xuntanza, na que se lle trasladaba a posta a disposición do inmoble, achegando ademais un proxecto realizado polo arquitecto Amancio Losada.

Segundo o rexedor o que intenta a Xunta non é máis que o Concello asuma os gastos de reforma do inmoble.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí