José M. Barreiro: ‘A caída do teito é só un síntoma do deterioro do centro’

    derrumbe_ies_cabanillas_100_090210_copia.jpgCAMBADOS> O director do IES Ramón Cabanillas reclama unha reforma integral do edificio para mellorar a infraestruturas e adaptalo á demanda educativa.

    {flowplayer}images/salnes/090210_derrumbe_ies_cabanillas.flv{/flowplayer}

    Os alumnos do Instituto Ramón Cabanillas de Cambados están sen poder entrar na biblioteca porque parte do falso teito desta habitación se veu abaixo. Se o forte temporal que golpeou a comarca o pasado mes de xaneiro conseguira mover algunhas tellas, as copiosas chuvias dos últimos días fixeron o resto, agudizando as humidades que acabaron por amolecer as suxeccións e a escaiola. Desde a dirección do centro non se sorprenden do acontecido. Nos 40 anos que leva en pe o edificio non se fixo ningunha reforma de calado, e o desprendemento deste teito é só un síntoma do seu deterioro.

    A dirección do centro sostén que xa levan anos solicitando á consellería de Educación que acometa unha remodelación, non só para mellorar as infraestruturas, senón tamén para acondicionalas ás novas necesidades educativas.

    O luns, en canto o persoal do centro descubriu a desfeita, prohibiu a entrada dos estudantes á biblioteca por motivos de seguridade. Un peche que os obrigou a reorganizar a distribución das aulas, xa que moitas clases prácticas se impartían neste lugar.

    O instituto Ramón Cabanillas ten actualmente matriculados 420 alumnos entre os cursos de educación secundaria, bacharelato e un ciclo formativo de viticultura. Novas demandas educativas para as que as instalacións están quedando obsoletas, segundo apunta a dirección do centro.

    Polo momento, os técnicos da delegación provincial de Educación xa pasaron polo centro para avaliar a desfeita e redactar o informe pertinente. O que aínda non saben é cando poderán reabrir a biblioteca.

    Redacción Salnés