Galicia, nexo común do ciclo de conferencias que impulsa o Círculo Cultural de Sanxenxo

SANXENXO> En Sanxenxo, as vindeiras semanas veñen ateigadas de formación e cultura. O Círculo Mercantil e Deportivo da localidade impulsa unha serie de conferencias de tamática diversa: arqueoloxía, xeografía ou artes plásticas son só algunhas das propostas. O ciclo arrancou esta tarde cunha charla do pintor Mingos Teixeira, coincidindo coa inauguración da súa exposición na Sala Nauta.

Nas vindeira semanas, en Sanxenxo falarase de xeografía, de arqueoloxía, de historia e, sobre todo,  de arte. O Círculo Cultural e Deportivo da localidade puxo en marcha un variado programa de charlas. O ciclo vaise celebrar de xeito íngregro na Sala Nauta, espazo no que tamén hoxe se inaugurou a mostra de pintura ‘Alén do mar’ de Mingos Teixeira.

A pesar da diversidade temática, tódalas conferencias teñen un nexo común: Galicia é a protagonista dun ou doutro xeito. A primeira das charlas tivo lugar xa esta tarde, centrada nas artes plásticas. Correu a cargo de Mingos Teixeira, o autor de todas estas obras que dende hoxe e ata o 4 de agosto poden contemplarse nesta sala. O artista defendeu que o verán é un bo momento para enchouparse de cultura.

Ademais do ciclo de conferencias, o programa inclúe varios obradoiros didácticos para nenos centrados no mundo da pintura. O Círculo Cultural de Sanxenxo está traballando nunhas xornadas de música clásica. Todas estas inciativas contan coa colaboración da Concellería de Cultura do concello sanxenxino.

Comments are closed.