Victoria do Junquera que o coloca preto dos primeiros

futbolsala250_240209.jpgSALNÉS> Ó Viajes Interrías tocoulle descansar esta fin de semana pero o que sí que xogou foi o Grupo Junquera que venceu a domicilio ó Redondela por 1-3. Os vilagarciáns continúan encaramados á parte alta da táboa na Primeira Nacional B, a dous puntos do terceiro clasificado.

Bo partido o realizado polo Grupo Junquera na súa visita ó Redondela. A diferencia na táboa clasificatoria daba como favoritos ós vilagarciáns, xa que o seu rival tan só sumara catro puntos no que vai de liga, pero os locais puxéronlle-las cousas complicadas.

Con todo, o dominio e as ocasións foron sempre dos de Juancar que volveron a perdoar en exceso, desta volta diante do meta Diego, o mellor do Redondela.

Non tardaron en avisar os vilagarciáns, que xa nos primeiros minutos rondaron o gol, sobre todo en dous mans a man de Ángel e Gelabert, que non souberon decidir.

Houbo que agardar ata o minuto nove para ver o primeiro tanto, que chegou tras unha boa xogada persoal de Marcos, rematada por Fran a porta baleira. Lonxe de virse abaixo, o Redondela acadou o empate tras aproveitar unha perda de balón no medio campo do Junquera. Pero os de Juancar conseguiron marcharse ó descanso en vantaxe tras culminar de novo Fran, unha boa xogada entre Oscarín e Marcos xa na recta final do primeiro acto.

Na segunda metade o dominio seguíu sendo do Junquera ó que lle faltou acadar un tercer tanto para pechar o encontro, aínda vivo pola incertidume do marcador, non polo xogo. Non sería ata o minuto 37 cando outra vez Fran puxo a sentencia e asinou na súa conta persoal un meritorio hat-trick.

Con esta victoria o Junquera sitúase quinto na xeral a dous puntos do terceiro clasificado, o Caloto, que esta semana caeu no partido da xornada ante o Cesuras. Precisamente o conxunto cesureño aproveitou o descanso do Viajes Interrías para recurtar tres puntos ós portonoveses e situarse a tan só dous do liderato, aínda que conta a día de hoxe cun partido máis disputado.

A semana que ven tanto Interrías como Grupo Junquera terán dous compromisos a priori asequibles ante o La Crema e o Troula, respectivamente.

Redacción Salnés