Cuntis despacha 2.200 racións na Festa do Lacón con Grelos

lacon_cuntis100_160309.jpgCUNTIS> O concello de Cuntis viviu onte a resaca de Entroido, coa celebración da Festa do Lacón con Grelos.

{flowplayer}images/salnes/FESTA_LACON_GRELOS.flv{/flowplayer}

CUNTIS> A música de Trópico de Grelos ambientou onte a resaca de Entroido que viviu o concello de Cuntis, coa celebración da Festa do Lacón con Grelos. A xornada comezou coa representación do Alto dos Xenerais da Ulla, lanzando vivas e coplas subidos nos seus cabalos e acompañados polo vello dos cornos.

A vila recendía a lacón con grelos, nos bares e restaurantes e, sobre todo na carpa de degustación da Praza da Constitución. A iso das tres e media da tarde a organización esgotou as 2.200 racións que tiña preparadas. Por nove euros, os comensais deron boa conta do lacón con grelos, patacas e chourizo. E de sobremesa non faltou un dos doces típicos do Entroido, as filloas, elaboradas na propio recinto festivo.

Pero amais de comer, os que se achegaron onte a Cuntis tiveron outras moitas actividades, como contemplar os mil metros cadrados de mostra da camelia, á que acudiron máis dunha trintena de expositores, ou participar nalgúns dos obradoiros que impartiron artesáns do coiro, da cerámica ou varias palilleiras.

Este ano como novidade celebrouse a primeira Vespalacón. Superando as previsións da organización, conseguiu xuntar a 120 motos e case trescentos participantes. Tras un paseo por varias aldeas de Cuntis, a comitiva expuxo as vespas, varias con sidecar incorporado, e as lambre-ttas na Horta do Cura, agrupadas pola data de construción. A organización afirma que se o Concello quere, en 2010 haberá segunda edición.

Redacción Salnés