A presidenta da Royal Yachting Association visitou a Marina de Vilagarcía

VILAGARCÍA> Buscar novas vías de comunicación no negocio da náutica, é a motivación da representante da Royal Yachting, Sarah Treseder, que estes días visita algúns portos deportivos galegos.
A posibilidade de intercambio de navegantes entre portos deportivos dos distintos países asociados á Royal Yachting Association e galegos ou a posibilidade de abrir mercado para cruceiristas e grandes iates nas instalacións galegas que así o permitan, foron algúns dos temas que se falaron durante a estadía de Sarah Treseder, presidenta da Royal Yachting Association, que hoxe visitou a Marina de Vilagarcía.
Treseder firmou no libro de honra da Marina de Vilagarcía, onde lle regalaron o escudo da entidade. Unha excelente oportunidade para amosar todo o que teñen que ofrecer os portos deportivos galegos a todos aqueles que gusten da náutica.
O sector da náutica comeza a despuntar na comunidade, despois dos anos da crise. O perfil do usuario de este tipo de instalacións é moi variado.
Outro dos asuntos que puxeron sobre a mesa foi o da importancia da simplificación dos trámites que teñen que cumprimentar os navegantes británicos cando veñen a Galicia co obxectivo de facilitar a súa navegación. Unha suxerencia realizada pola RYA durante a xuntanza será trasladada pola Xunta ao Ministerio de Fomento, do que dependen as Capitanías Marítimas.