RIBEIRA> Un programa diverso, variado e que chegará a tódolos recunchos da vila. Esta é a oferta deseñada polo concello de Ribeira a comisión de festas para as celebracións estivais que se desenvolverán entre o 31 de xullo e o 4 de agosto.
As festas do verán de Ribeira arrancarán o mércores 31 de xullo coa lectura do pregón no balcón do museo municipal. Entre o amplo programa de actividades terán especial peso ás dedicadas ós cativos con varias xornadas con inchables, festa da escuma, contacontos e e actuacións para público familiar.
Destaca este ano a busca de localizacións alternativas para que as actividades festivas cheguen a distintas zona de Ribeira recuperando tamén tradicións como a sardiñada do campo da feira.
No apartado musical, os pratos fortes serán os concertos de Efecto Mariposa e La Fuga que actuarán o venres día 2 pola noite na explanada da antiga lonxa.
Estas actuacións son tan só a punta do iceberg dun amplísimo programa que acolle tamén as principais orquestras de Galicia como Los Satélites e París de Noia, concertos como os de Alfredo Tejada, Sones Negros, un tributo a Extremoduro así como dúas sesións do Urban Fest na praza de España.
Outras citas ineludibles serán a misa e a procesión marítima na honra da Virxe do Carme e o espectáculo dos fogos de artificio que volverán contar cun combate naval. Dende a comisión de festas quixeron agradecer a colaboración de numerosa empresas locais que fixo posible o deseño dun cartel amplo, variado e para todo tipo de públicos.