A Xunta destinará uns 4 millóns de euros as explotacións agrícolas vexetais

CAMBADOS> A Consellería de Medio Rural ven de publicar a nova orde de axudas aos investimentos en explotacións agrícolas dedicadas a produción vexetal. Esta mañá o delegado da Xunta na provincia visitou a cooperativa cambadesa Horsal, unha das máis importantes de Galicia, con máis de 160 socios, para promover esta nova convocatoria económica.
O delegado da Xunta na provincia, Xosé Manuel Cores Tourís, visitou esta instalación agrícola cambadesa para poñer en coñecemento dos seus responsables a nova convocatoria de axudas da administración autonómica para investimentos neste tipo de cooperativas, para mellorar os resultados económicos das explotacións agrarias e facilitar a súa reestruturación e modernización.
En Galicia existen arredor de 850 explotacións profesionais de horta baixo cuberta, con preto de 150 ha de superficie de invernadoiros. Con unha facturación anual superior aos 3 millóns de euros e máis dun centenar de socios Horsal é unha das cooperativas agrícolas vexetais máis importantes da comunidade.
En total o ente autonómico distribuirá uns 4 millóns de euros podéndose acoller a estas axudas os titulares profesionais de explotacións agrícolas que exerzan a actividade con criterios empresariais e que produzan hortalizas, flores ou plantas ornamentais, entre outros.
O prazo de solicitude estará aberto ata o 6 de setembro, Con esta axuda os interesados poden reformar ou construír instalacións que supoñan unha redución nos custos de produción ou un incremento na súa produtividade; comprar construcións agrarias en desuso; adquirir terreos por un valor inferior ao 10% do custo subvencionable, e finalmente, tamén poden levar a cabo investimentos en materiais e servizos técnicos.