![]()
RIBADUMIA> Un total de nove empresas presentaron ofertas para a creación do Centro de Acollida de Maiores de Ribadumia.
O Concello xa pechou onte o prazo de recepción de proxectos, que se abrirán o vindeiro luns para someterse á valoración dos técnicos. O goberno local lembra que en cada oferta se terán e conta as melloras presentadas pola empresa sobre o proxecto inicial, ademais do número de persoas que se vaian a contratar e que superen o mínimo establecido no proxecto, outorgando maior puntuación á contratación de desempregados. Unha vez se abran as plicas, o Concello ten 20 días para adxudicar de xeito provisional o proxecto e, unha vez notificada, a adxudicación definitiva formalizarase quince días despois.
O proxecto do Centro de Acollida de Maiores conta cun orzamento de máis de 311 mil euros. Permitirá a reforma e ampliación da actual casa de cultura de Ribadumia para adecuala como destino de centro social de maiores e equipamentos sociais, amais de seguir mantendo os usos actuais, oficina de información xuvenil, aula de informática, biblioteca e salón de actos. No interior crearanse salas de xogos, de rehabilitación e de lectura e televisión para maiores, ademais de oficinas para as asociacións locais. A empresa adxudicataria dispón ata o 31 de decembro para rematar as obras.
Redacción Salnés









