O Hospital do Salnés pon en marcha a Unidade da Dor

    unidade_dor_100_240309.jpgSALNÉS> O departamento, a cargo do doutor Alfonso Diz, estará dedicado ó tratamento de dores crónicas.

    {flowplayer}images/salnes/240309_unidade_dor.flv{/flowplayer} 

    Segundo as estatísticas, preto do vinte por cento da poboación padece dores crónicas que lles afectan á súa calidade de vida. Para intentar mitigar estas afeccións, o Hospital do Salnés vén de pór en marcha a Unidade da Dor, un departamento incluído na área de anestesia e reanimación que se encargará de tratar a dor de orixe nerviosa.

    A Unidade da Dor nace co obxectivo de ofrecer un tratamento específico a aqueles pacientes que sofren dores neuropáticas, é dicir, que teñen como orixe o sistema nervioso. Trátase dun segundo nivel de tratamento cando os medicamentos xa non son suficientes para aliviar estes síntomas.

    Estas actuacións consisten en pequenas intervencións cirúrxicas de baixo risco e pouco agresivas, destinadas ó bloqueo dos puntos nerviosos que orixinan a dor.

    As intervencións realizaranse na unidade de cirurxía maior ambulatoria e non requiren o ingreso hospitalario. A Unidade da Dor forma parte da área de anestesia e reanimación do Hospital do Salnés e complementará ó departamento de coidados paliativos.

    Polo momento a Unidade da Dor estará aberta un día á semana, aínda que o seu funcionamento se irá adaptando á demanda.

    Redacción Salnés