Orenga e Aller, técnicos de España na Basket Cup

basket250_250309.jpgVILAGARCÍA> A organización da Vilagarcía Basket Cup ven de confirmar que os ex xogadores Juan Antonio Orenga e Manollo Aller serán os responsables técnicos da selección española no torneo. Ademais, o venres sairán á venta por internet os abonos para presenciar os partidos

Juan Antonio Orenga e Manolo Aller serán os responsables técnicos da selección española sub18 que participará na Vilagarcía Basket Cup 2009. Ambos substituirán ó adestrador do grupo, Alejandro Martínez, polos compromisos deste co seu actual equipo, o Ciudad de La Laguna, co que disputa partido de Leb Ouro o día anterior ó comezo do torneo.

Juan Antonio Orenga, actualmente ligado a Federación Española e tamén comentarista en televisión, foi durante a súa carreira como xogador un pívot importante, tendo unha longa traxectoria no Estudiantes, Real Madrid ou Unicaja, entre outros. Manolo Aller, foi o estandarte do baloncesto no máximo esplendor da época no Clesa Ferrol, e foi chamado por Antonio Díaz Miguel para formar parte do combinado nacional en varias ocasións. Nestes momentos, traballa dentro do programa de captación de talentos da Federación Española.

A selección española será o terceiro equipo en chegar a Vilagarcía. O fará na mañá do luns 6 de abril para levar a cabo cinco adestramentos previos ao torneo. España preparará a fondo a súa participación no campionato de Europa da categoría que se disputará este verán e varios destes xogadores tamén poden ser incluídos na lista do equipo sub19, que será adestrado precisamente por Orenga, que participarán no Mundial de Nova Zelanda.

Pero antes da chegada de España, o primeiro equipo en vir ata Galicia será a selección de Angola, que virá con dez días de antelación ca fin de aclimatarse o máximo posible. Nova Zelanda desembarcará o domingo día 5. O resto dos equipos chegarán todos o martes pola tarde para preparar con día e medio de antelación a súa participación na Vilagarcía Basket Cup.

Por outra banda, dende o venres na páxina de Caixanova en Internet, a través do teléfono 902 504 500 ou en Moto Bazar, os afeccionados xa poderán mercar os seus abonos para o torneo. A organización porá a venda 400 en total, reservando 100 para a taquilla do primeiro día de torneo. O prezo estipulado para os catro días de competición será de 15 euros para os adultos e 6 euros para os menores de 14 anos. A entrada diaria costará 6 euros, mentras que os nenos terán unha entrada de 3 euros por día.

Redacción Salnés