Loito no Salnés trala morte de Raúl Alfonsín, ex presidente de Arxentina

    1

    alfonsn100.jpgRIBADUMIA> O avó de Raúl Alfonsín era de Ribadumia, onde aínda quedan algúns familiares do político arxentino, que foi o primeiro presidente da Democracia en Arxentina.

    Ribadumia está hoxe de loito trala morte do primeiro presidente da Democracia Arxentina, Raúl Alfonsín, que tiña raíces nesta vila do Salnés. O político faleceu, esta madrugada, aos 82 anos de idade, vítima dun cancro. O avó de Alfonsín nacera en Ribadumia, dende onde emigrou a Bos Aires sendo un rapaz.

    Canal Rías Baixas estivo na casa onde naceu o avó deste político ilustre. A vivenda está situada no lugar coñecido como Casaldarnos, no Freixo. Na construción aínda se conservan as ruínas da lareira onde o avó de Alfonsín, cocía o pan, acompañado pola súa irmá. A tía avoa de Raúl Alfonsín era a bisavoa da actual propietaria desta casa, María Dolores García Fernández. A veciña de Ribadumia é prima lonxana do político que instaurou a democracia en Arxentina, tras anos de ditadura e de barbarie.

    O político visitou o municipio de Ribadumia, por segunda vez, no ano 2003, onde foi recibido pola alcaldesa, Salomé Peña, e o presidente da Deputación Provincial, Rafael Louzán. Trala recepción, Raúl Alfonsín, compareceu ante os veciños e mostrouse orgulloso das súas raíces galegas.

    A prima lonxana do falecido recorda esta visita a Ribadumia, na que o político aproveitou para visitar aos seus familiares. Moi preto da vivenda onde naceu o avó de Raúl Alfonsín reside outra prima neta do político, que si conserva o apelido familiar. Esther Barreiro Alfonsín enterouse da noticia, hoxe, a través dos medios de comunicación aínda que non puido comparecer por mor dun problema de saúde.

     MISA NA MEMORIA DO FALECIDO

    Está previsto que os familiares acudan ao acto relixioso que ten previsto celebrar o concello na honra deste político, con raíces no Salnés. Esta misa será o venres, ás nove da noite, na igrexa parroquial de Ribadumia.

    Redacción Salnés

    {flowplayer}images/salnes/010409_morre_raul_alfonsin_familia.flv{/flowplayer}

     

    COMPARTIR