Moraña quere ampliar “canto antes” a súa Casa Consistorial

MORAÑA> O Concello de Moraña quere amplia-la casa consistorial. As actuais instalacións quedaron xa pequenas para acoller toda a actividade municipal. Os técnicos municipais traballan xa na redacción dun proxecto. Esta mañá, visitou ese edificio o Vicepresidente da Xunta. A alcaldesa da localidade aproveitou para pedi-la colaboración do goberno galego para levar a cabo os traballos.

A Casa do Concello de Moraña quedou pequena. O goberno local quere amplia-lo edificio para dar unha acollida axeitada a toda a actividade que se desenvolve no seu interior. Na actualidade, hai servizos municipais que teñen que compartir espazo, a pesar de tratarse de prestacións, como no caso dos servizos sociais ou de igualdade, que requiren de certa intimidade. Outra das eivas do Consistorio é que non é accesible para persoas con mobilidade reducida.

Todas estas deficiencias foron postas esta mañá en coñecemento do Vicepresidente da Xunta. Alfonso Rueda comprobou in situ as características do edificio. Anunciou o compromiso do goberno galego para poñer a ampliar e poñer a punto a Casa do Concello.

Os técnicos municipais traballan xa no proxecto para a futura casa consistorial. A intención do goberno local é acometer ó mesmo tempo unha reforma integral das instalacións actuais, parella á ampliación do edificio. A idea é presentarlle ese documento tanto á Xunta como a outras administracións o antes posible.