Aparece unha planadora ardendo na praia de Raeiros de San Vicente

    planadora100.jpgO GROVE> A embarcación viña cargada con varios bidóns de combustible que dificultaron as labores de extinción. O lume reavivouse ata en cinco ocasións.

    Unha planadora apareceu ardendo, a primeira hora do mércores, na zona costeira de A Lanzada, no municipio do Grove, despois de intervir nun operativo relacionado co tráfico de drogas.

    A embarcación comezou a arder pouco despois das seis da madrugada na praia de Raeiros, en San Vicente do Mar. Foi un pescador da zona o que deu o aviso do incendio da planadora ao 112. O dispositivo de emerxencias alertou aos Bombeiros do Salnés que se desprazaron ata o lugar dos feitos, ás seis e media da mañá.

    A embarcación, de 10 metros de eslora e dotada de catro motores de 250 cabalos, cada un, viña cargada con varios bidóns de combustible. Segundo as primeiras hipóteses, a enorme carga de gasolina indica que a embarcación se dirixía mar a dentro e que, por algún contratempo tipo que dar volta á terra. A carga de combustible, e máis o poliéster que recubría a embarcación, fixeron que o lume rexurdira ata en cinco ocasións, o que dificultou as labores de extinción do equipo de Bombeiros. 

    Os efectivos procederon a retirar os restos da planadora que foron trasladados ao depósito municipal do Grove despois de que os investigadores recolleran probas, no lugar do incendio. Segundo os datos oficiais non hai rastros que faciliten a identificación da tripulación, nin na embarcación nin na area.

    É habitual que os narcotraficantes incendien as planadoras para borrar probas que os inculpen, sobre todo cando se senten acosados polas Forzas de Seguridade.

    A de hoxe é a primeira embarcación, destas características, que aparece queimada na comarca do Salnés, no ano 2009. No mes de agosto pasado apareceu unha planadora en lapas, na praia da Lanzada, a poucos metros da embarcación que ardeu, hoxe.

    Redacción Salnés

    {flowplayer}images/salnes/150409_planadora_queimada{flowplayer}