Abre as súas portas a cafetería do Albergue de Briallos, en Portas

PORTAS> O albergue de Pereguinos de Briallos, en Portas, ten dende agora unha cafetería. O establecemento, o primeiro deste tipo na parroquia, está a dinamiza-la vida social da zona. Ademais de resultar útil para os veciños, serviralles ós peregrinos para non ter que desprazarse ata Caldas se queren cear.

Esta antiga escola de Briallos, reconvertida en albergue, ten agora unha nova utilidade: coa apertura desta cafetería serve de punto de encontro para os veciños desta parroquia de Portas.

O curioso deste local é que é o único do seu tipo na zona. Así que ademais de prestar servizo ós peregrinos, serve de centro social para os maiores de lugar e tamén de cafetería para aqueles que queiran charlar un chisco.

A reconversión deste espazo en cafetería foi posible grazas a unha axuda do programa Leader. A súa posta a punto supuxo un investimento duns 84.000 euros.

Por este albergue de Briallos pasan cada mes centos de persoas. Por poñer un exemplo, no pasado setembro fixeron para aquí 900 peregrinos, un auténtico ir e vir de xente nunha parroquia con pouca densidade de poboación e moi avellentada.

Ademais deste tipo de melloras, a Xunta está a piques de lanzar unha nova liña de axudas para a posta a punto do camiño e das empresas ou establecementos que se asentan ó seu carón. Todo, coa vista posta na gran cita de dentro de dous anos, o agardado Xacobeo 2021.