![]()
VILANOVA> Este foi un dos acordos tomados o venres na reunión entre o alcalde do municipio e o presidente da Deputación.
O alcalde de Vilanova reuniuse hoxe co presidente da Deputación de Pontevedra para analizar os proxectos do ente provincial, no municipio. A mellora da seguridade viaria no concello acaparou boa parte do encontro, no que tamén se debateron proxectos medio ambientais en Vilanova. A reunión foi longa pero deu bos resultados. Así valorou Gonzalo Durán o encontro de hoxe co presidente da Deputación provincial. Unha reunión na que se acordou o proxecto para construír un novo tramo na estrada de Baión. A Deputación investirá 600.000 euros na mellora e ampliación dun tramo perigoso, que se vai eliminar, na zona de Serantes.
Neste encontro, Gonzalo Durán presentoulle ao presidente o proxecto para mellorar as conexións da parroquia de Baión, que quedou illada trala construción do polígono. O edil pediulle á Deputación que financie as obras da vía que rodea o Pazo Baión, para que sirva de enlace entre a parroquia e o resto do municipio.
Para revitalizar a zona de Baión, o concello propón recuperar a carballeira de San Simón e crear unha zona de lecer nas inmediacións do polígono empresarial. Os técnicos da estación fitopatolóxica de Areeiro colaborarán nos traballos para revitalizar este espazo.
O alcalde de Vilanova transmitiulle ao presidente da Deputación a súa intención de ubicar no Terrón unha das pousadas que vai construír a Deputación na comarca do Salnés, con fondos europeos. Gonzalo Durán propón unir o futuro balneario con este parador rural e cunha zona lúdica, que se vai construír nos terreos.
O alcalde de Vilanova e o presidente provincial chegaron un acordo para dotar de alumeado e mobiliario as zonas de A cerca, Vista Real, así como as parroquias de Vilanova e Caleiro. As dúas institucións financiarán ao 50% a instalación de elementos de urbanización e seguridade viaria, nestes núcleos.
Redacción Salnés
{flowplayer}images/salnes/170409_gonzalo_duran.flv{/flowplayer}










