Xornada importantepara Arousa e Portonovo

futbol250_170409.jpgSALNÉS> Aproxímase unha nova xornada na Terceira na que haberá que estar moi pendentes principalmente do que fagan Arousa e Portonovo, que se están a xogar a permanencia. O Vilalonga pola súa parte xoga no Morrazo, sabendo que non se pode despistar para non verse metido en problemas mentres que o Céltiga visita ó Santa Comba.

A Lomba será escenario do único partido adiantado á xornada do sábado. O Arousa recibe ó Lalín, que exprime as súas posibilidades de meterse en playoff. Os vilagarcíans teñen que acadar como sexa os tres puntos para distanciarse do descenso ante un equipo, o de Acevedo, que aínda que é sexto, fixo 24 goles menos que o Arousa. Visto o visto en Negreira, Pablo Vázquez tentará correxir por enésima vez os erros en defensa e dar renda solta a un ataque repleto de calidade. Nelo e Jonathan son as únicas baixas dos arlequinados.

No Portonovo, Marcos Canle concienciou esta semana ós xogadores de que este é o encontro máis importante do que resta de temporada: porque precisan volver a vencer tras tres semanas sen facelo, porque marcaría o camiño a seguir en Baltar, xa que dos últimos seus encontros xogarán catro na casa, e porque meterían ó Somozas na pelexa. O técnico vigués é optimista de cara ó choque logo de ter recuperado a varios xogadores durante esta semana. A única baixa, ademais das consabidas de Melchor e César, será a de Miguel, por sanción.

O Vilalonga quere atar canto antes a súa salvación. Os de Gabi Leis non queren complicacións para o tramo final de temporada e unha derrota o domingo ante o Alondras podería traérllelas. Os de Cangas picaron nas últimas semanas e distanciáronse do seu obxectivo: ser cuartos. Este pode ser un dos derradeiros trens para eles. Anxo por motivos persoais e Jose, por unha escordadura de nocello, son baixa nos celestes.

Tras ter roto cunha xeira de case dous meses sen gañar o Céltiga é o que menos se xoga de todos a día de hoxe. Lonxe do descenso e do playoff os de Josiño Abalde queren rematar a liga o máis arriba posible. De gañar na Fontela o domingo, adiantarían ó Santa Comba.

Ademais, na Preferente Sur destacamos os encontros: Sanxento-Ponte Ourense; Ribadumia-Cultural Areas e Unión do Grove-Barco. Todos, o domingo ás 17:30.

Redacción Salnés