SALNES> Os tropezos do Vilalonga en Negreira (3-1) e do Céltiga en Pontevedra (4-2) poñen aínda máis complicada a loita pola supervivencia en Terceira División. Ó Arousa, Vilalonga e Portonovo só lles queda gañar nos tres partidos que quedan de Liga.
O Céltiga non lle fixo onte ningún favor ós seus compañeiros do Salnés que buscan escapar do descenso. Os da Illa de Arousa arrancaron cun 0 a 2 no marcador pero acabaron perdendo 4-2 fronte ó Pontevedra B, penúltimo da clasificación.
O Céltiga marcou dous tantos nos sete primeiros minutos, por mediación de Manuel e de Víctor. Pero antes do descanso Matelo recortou distancias ó recoller un rexeitamento do meta César. Ata os 23 últimos minutos de xogo non se completou a remontada do filial granate. Cruz marcou dous tantos en dez minutos, o segundo con polémica e Matelo acabou sentenciando no minuto 95. O Céltiga recibe o vindeiro domingo a outro colista, o Gran Peña. Será ás cinco e media da tarde no Salvador Otero.
Quen se meteu xa de cheo na guerra pola supervivencia en Terceira foi o Vilalonga, que caeu onte derrotado no campo do Negreira por 3 – 1. Son sete xornadas consecutivas sen coñecer a vitoria e xa só ten tres puntos de vantaxe sobre o descenso. O conxunto de Gabi Leis repetiu a súa actuación do pasado domingo fronte ó Arousa. Na primeira metade o equipo arousán foi superior.
Os locais adiantáronse no marcador cun tanto de Jano, inda que os visitantes reclamaron fóra de xogo. O Vilalonga empatou cun ós catorce minutos nun remate de cabeza de Machu tras un centro de Diego Blanco. Na segunda parte, o equipo de Leis baixou a garda. O Negreira aproveitou os erros en defensa e Suso e Jano marcaron dous tantos que lle deron a vitoria. O domingo, ás seis, o Vilalonga recibe en San Pedro ó Lalín, que busca meterse entre os catro primeiros.
O Portonovo tamén xoga na casa o domingo. Ás seis medirase en Baltar a un Verín acomodado na metade da táboa. Despois de desaproveitar unha clara vitoria na última xornada, o equipo de Marcos Canle ansía os tres puntos para poder saír dos postos de descenso. Os vindeiros encontros antóllanse complicados, xa que se medirá ó Pontevedra B e ó Gran Peña, rivais directos pola permanencia.
O único que xoga a domicilio esta xornada é o Arousa, que viaxa a Narón. Aínda que os arlequinados seguen fóra dos postos de descenso directo, precisa gañar a lo menos dous dos tres partidos que lle restan para evitar a caída a Preferente. O Narón está a 4 puntos do último posto de fase de ascenso, ocupado polo Cerceda, que precisamente visitará A Lomba o 10 de maio. O campión, o Compos, é o que lle espera ó Arousa na última xornada.
Redacción Salnés