A IV Copa do Futuro volverá a ter sede en Ribadumia

copa250_210410.jpgSALNÉS> Ímonos achegando ó mes de maio e con el virá a Copa do Futuro, un torneo de futbol-9 organizado pola Deputación de Pontevedra e dirixido á categoría prebenxamín. Máis de mil nenos de dun centenar de equipos tomarán parte neste competición que fará a súa parada en Ribadumia os días 8 e 9.

A Copa do Futuro regresa este ano na súa cuarta edición, unha cita do deporte base que atrae a membros de clubs e de centros de ensino dunha boa parte dos municipios pontevedreses.

Xa consolidada, esta festa do fútbol dirixida os nenos nados despois do 1 de xaneiro do ano 2002, está promovida pola Deputación de Pontevedra e conta coa colaboración de catro concellos (Ribadumia, Ponteareas, Tui e Soutomaior) que serán escenario dun campionato no que participarán 1.344 nenos e 96 equipos, algúns chegados doutras provincias galegas, que disputarán partidos de 25 minutos.

Será un novo éxito de asistencia que quedará plasmado nos encontros, que darán comezo a fin de semana do 1 e 2 de maio en Sárdoma, seguirán os días 8 e 9 en Barrantes (Ribadumia) e se prolongarán ata o mes de xuño, con remate nas xornadas do 12 e 13 na Bouza, en Vigo, na que entrarán en liza os 20 mellores equipos clasificados das fases previas.

O programa de fomento do xogo limpo e da igualdade, a instalación de zonas lúdicas nas inmediacións dos campos de fútbol, o incremento de premios e a apertura a equipos doutras provincias foron algúns dos logros acadados na Copa do Futuro do ano 2009. Na cuarta edición farase fincapé na consecución dos mesmos obxectivos, tanto no eido participativo como no organizativo.

Ademais da educación na práctica deportiva, este torneo busca o bo comportamento, o compañeirismo, a integración do deporte e, en definitiva, a promoción da convivencia entre os participantes neste torneo de fútbol-9, dirixido a nenos de categoría prebenxamín.

Redacción Salnés