![]()
VILAGARCÍA> O Tribunal Supremo avala o fallo do Superior de Xustiza de Galicia e desestima os recursos presentados por Finsa e Foresa.
{flowplayer}images/salnes/040509_rolda_pdra2.flv{/flowplayer}
A sentenza do Tribunal Supremo estima que a autorización dada pola Consellería de Industria a Finsa e Foresa para o uso do parque de Ferrazo é ilegal. A autoridade xudicial dá así a razón á Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, ó argumentar que a instalación debería terse sometido a un estudo previo de impacto ambiental, e responsabiliza ó Estado de non traspoñer a directiva europea que regula o control destas actividades.
Pero a transcendencia desta sentencia é maior. O ditame do Tribunal Supremo suporá un antes e un despois á hora de poñer en marcha actuacións que impliquen un risco para o medio ambiente.
Esta sentencia é suficiente para que se paralice o almacenamento de sustancias químicas no peirao de Ferrazo, pero non implica o desmantelamento da infraestrutura. Agora a pelota está no tellado da Consellería de Industria, xa que no momento no que reciba notificación da sentencia, disporá de tres meses como máximo para ordenar o cese da actividade.
Despois de dez anos de loita, a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa comeza a ver a recompensa ás súas mobilizacións. Aínda están pendentes de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia se pronuncie sobre os outros dous procedementos que mantén, entre eles a impugnación das licencias de actividade municipais. Neste sentido, os avogados da plataforma consideran que ante a sentencia que se vén de coñecer, o concello debería iniciar de seu un expediente de revisión. Ademais dos trámites xudiciais, a PDRA reiterará ante a nova Xunta a petición dunha normativa que protexa á ría do tráfico de hidrocarburos.
Redacción Salnés









