González Lacunza recoñece ter participado nun asunto de narcotráfico

    xuizo_feijoo__100_050509.jpgPONTEVEDRA> O hostaleiro vasco foi o primeiro dos imputados en declarar ante o Tribunal no xuízo polo crime dos Feijóo.

    {flowplayer}images/salnes/050509_xuizo_crime_feijoo_informativo_noite.flv{/flowplayer}

    A primeira xornada do xuízo polo crime dos cambadeses Ricardo Feijóo Vázquez e José Ángel Feijóo Abal arrincaba coa comparecencia do primeiro dos imputados, o hostaleiro vasco José Manuel González Lacunza. O Ministerio Fiscal considérao o cerebro dos asasinatos, pero na súa declaración, Lacunza negou a súa participación no crime. Si recoñeceu a súa vinculación cun asunto de tráfico de estupefacientes. Ante o Tribunal, Lacunza alegou que na época na que se produciron os feitos fora contratado para reclamarlle a Ricardo Feijóo, unha das vítimas, o pago dunha débeda de preto de 3 millóns de euros por un alixo de drogas, pero que non estivo presente no momento da súa morte.

    Xunto a Lacunza, no banco dos acusados séntanse os franceses Patrice Louis Pierre Muñoz e Johan Piedagnel. A fiscalía considéraos culpables de dous delitos de asasinato, mentres que ó cuarto dos procesados, o coruñés José Manuel Lata Couceiro, se lle imputa un delito de cómplice do crime.

    Nas súas conclusións provisionais, o Ministerio Fiscal solicita para os autores dos asasinatos 17 anos de prisión por cada delito, mentres que para Couceiro solicita un total de 20 anos de cárcere como cómplice dos crimes. A estas penas súmanse 10 anos de prisión para os autores dos delitos de detención ilegal, tres anos por roubo e dous por danos. A fiscalía solicita tamén que tódolos autores do crime indemnicen ás familias dos dous asasinado con preto de 280 mil euros.

    Redacción Salnés