Luis Aragunde é xa o novo alcalde de Cambados

    toma_posesion_aragunde_100_110509.jpgCAMBADOS> O popular xurou o seu cargo nun pleno extraoridinario no que estivo arroupado por compañeiros de partido, familiares e veciños.

    {flowplayer}images/salnes/110509_investidura_luis_aragunde.flv{/flowplayer}

    Este era o momento no que Luis Aragunde Aragunde se convertía no quinto alcalde da democracia en Cambados. Ós seus 37 anos, e logo de oito como concelleiro da corporación, Aragunde substitúe a José Manuel Cores Tourís á fronte do Goberno municipal. A súa foi a única candidatura á alcaldía presentada no pleno celebrado con carácter extraordinario. Cos nove votos a favor dos populares e cinco votos en branco de socialistas e nacionalistas, o novo rexedor cambadés tomaba posesión do seu cargo coa promesa de continuar os proxectos iniciados polo seu predecesor, e o compromiso de poñer en marcha outros paralizados pola anterior Xunta.

    No seu discurso de investidura Aragunde asegurou que a súa prioridade será dinamizar os sectores socioeconómicos do municipio para tratar de solucionar os problemas de desemprego. O novo rexedor tamén se marcou como obxectivo mellorar a calidade de vida dos cambadeses, unha labor para a que solicita a axuda da oposición.

    Na súa toma de posesión Aragunde estivo acompañado por altos cargos do Partido Popular, como a vicepresidenta segunda do Congreso dos Deputados, Ana Pastor, o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán e o seu predecesor á fronte da alcaldía, o xa delegado territorial da Xunta José Manuel Cores Tourís. Á cita tamén asistiron numerosos rexedores populares, familiares e veciños de Cambados que non quixeron perder a ocasión de felicitar ó novo alcalde.

    Redacción Salnés