O novo PXOM contemplará a reordenación do solo industrial

    diagnose_pxom_vilagarcia_100_110509.jpgVILAGARCÍA> O concello de Vilagarcía presentou esta mañá o primeiro dos informes que compoñen o proceso de revisión do Plan Xeral de Ordenación Urbanística.

    O Plan Xeral de Ordenación Urbanística constata as carencias estruturais que nestes momentos posúe o municipio co obxectivo de corrixilas no novo plan. Entre estes problemas salientan a necesidade de unificar o casco urbano e a ampliación de chan industrial. Este primeiro diagnóstico sobre a situación urbanística de Vilagarcía constata que o actual PXOM define un modelo de cidade descentralizado. Para solucionalo proponse fortalecer os núcleos urbanos, facelos máis compactos, evitando a expansión da urbe cara terreos de valor natural e cultural. Outra das necesidades que se advirten no documento é a reordenación do solo industrial.

    Nestes intres o solo industrial de Vilagarcía está esgotado, é por isto que antes de contemplar novos proxectos, o goberno municipal está pendente de que se resolva a ampliación do polígono do Pousadoiro así como a posibilidade de que se leve a cabo o de Tremoedo.

    O informe tamén recolle a necesidade de renovar o saneamento nalgunhas zonas do municipio, así como a escaseza de espazos verdes no extrarradio ou o reforzo da seguridade viaria.

    O documento presentado esta mañá é o primeiro da serie que compón o proceso de revisión do PXOM. Segundo a alcaldesa de Vilagarcía, tódolos portavoces da corporación recibirán unha copia desta avaliación, mentres se traballa xa na redacción do informe de inicio.

    Redacción Salnés

    {flowplayer}images/salnes/110509_diagnostico_pxom_vilagarcia.flv{/flowplayer}