O Olimpic acada seis medallas nos Autonómicos sub-21

SALNÉS> O Club Olimpic de Vilagarcía ven de acadar seis medallas no Campionato Galego sub-21 celebrado en Boiro. O Natural de Ribeira levouse o título por equipos.

Maís dun cento de taekwondistas déronse cita no pavillón de Barraña (Boiro) para competir no Campionato Galego sub-21, na modalidade de combate. Os representantes do Olimpic, como ven sendo habitual, asinaron unha gran actuación. Os vilagarciáns, xuntos co Natural Sport de Ribeira, foron os grandes dominadores da competición. De feito na clasificación por clubes o Natural levouse o ouro con 34 puntos, seis máis que o Olimpic que foi segundo.

Dende a capital arousá acudían á cita seis deportistas, e todos eles acadaron medalla. En peso pluma Francisco Padín e Gabriel Moral fixeron ouro e prata. En peso lixeiro Jorge Chorén adxudicouse o título con Pablo Fresco no terceiro caixón do podium. O outro ouro chegou da man da única representante femenina do Olimpic, Alicia Córdoba, que amosou a súa superioridade no peso minimosca. Benito Fernández, cunha prata en peso pesado, completou a gran actuación do club vilagarcián. Os tres medallistas de ouro, Córdoba, Padín e Chorén, acceden directamente ós campionatos de España que se celebrarán no mes de setembro.

Mellor balance de medallas tivo o Natural Sport, xa que concurríu cun maior número de deportistas. Os ribeireses leváronse once metais, tres ouros, tres pratas e cinco bronces. Adxudicáronse os títulos autonómicos Miguel Martínez en minimosca e Ismael Castro e Lara Oubiña en superlixeiro.

Redacción Salnés